Monday 06 de May de 2024

O sábado 11 de novembro Talía Teatro presenta en Mera “Unha inimiga do pobo” dirixida por Tito Asorey


Talía teatro presenta no auditorio Gabriel García Márquez de Mera a obra “Unha inimiga do pobo” ás 20:30h

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao
tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.

A obra protagonízaa Helena, unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa. Embarazada de sete meses, afronta o seu novo estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou, e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.

Público: adulto
Duración: 95 minutos
Prezo: 6,00 euros
Venda de entradas: na billeteira a partir das 19.30 horas